O MEU CORPO É MEU, A MINHA IMAGEM É MINHA

Julho 26, 2017 | Em destaque

A seguir, partilhamos um artigo que assumimos de forma auto-crítica pola utilizaçom da imagem do cartaz da JRJ deste ano. Neste artigo, a mai e o pai da criança que saia em dita foto, lançam umha reflexom sobre a utilizaçom de imagens de crianças para publicitar diferentes atos, polo que o fazemos público a modo de desculpa a elas duas e, nomeadamente, à própria criança.

 

O meu corpo é meu, a miña imaxe é miña.
Lembramos a Pier Paolo Pasolini cando nun artigo do ano 1974 chamado “ Contra os guedelludos”,  laiábase de que a colonización cultural do imperio norteamericano invadía á xuventude cunha linguaxe inarticulada e obsesiva. Polo miúdo na súa imaxe, pois a liberdade de levar os cabelos como lles pete xa non era defendible pois non é liberdade. Era algo semellante ao que hoxe en día pode ser á crenza de que somos libres por elixir unha marca de celular o outra, unha tarifa de telefonía ou outra…  Pasolini advertíanos de que o que en principio era un movemento cunha crítica contra a sociedade total e intransixente, era recuperado polo capital para dicir as mesmas cousas que a televisión ou os anuncios publicitarios.

Sen querer chegar a ser “tan terriblemente consecuentes”, como dicía o militante da Fracción do Exercito
Vermello-RAF, Stefan Wisniewski, desexamos facer unha reflexión sobre o uso e a publicación das imaxes de persoas. Reflexionar sobre en que lado da loita posicionámonos cando usamos a imaxe de persoas anónimas como obxectos de propaganda. Finalmente tamén queremos facer entender que debemos respectar as crianzas, educalas sen a maldita intervención adulta que as dogmatiza e facilitar os seus procesos de aprendizaxe mediante a autorregulación e o xogo.

No histórico movemento obreiro a propaganda exerceu un papel fundamental, lembrarvos, por exemplo,
que tralo asasinato de Moncho Reboiras, na posterior batida, a temible Brigada Político Social suliña o
descubrimento e intervención dunha multicopista nun piso franco en Vigo. Dende a propaganda polo
feito á desviación do Maio do 68 a propaganda é claramente distintiva cunhas características de seu, xa
sexa polo seu deseño, o feito ou simplemente pola palabra. Á propaganda distinguise claramente da
publicidade. A publicidade amosa ficción, falsidade, engano…, é a mentira necesaria da que se alimenta o
poder económico e político, é unha base do control social.
A desviación, aquela técnica propagandística usada polo situacionismo que consistía en coller imaxes e
símbolos do poder para reverter o seu significado abriu un novo camiño para a propaganda que chega ata
os nosos días. Coa democratización das novas tecnoloxías esta técnica perdeu a súa intención orixinal
como método de propaganda provocativo. Paralelamente, conta Pasolini como a publicidade manifesta o
ascenso do poder da clase dirixente que esta detrás dela. Conta que Italia foi invadida por vallas
publicitarias dunha marca de pantalóns vaqueiros onde aparecía a imaxe de Xesucristo crucificado
vestindo pantalóns daquela marca e que a utilización deste símbolo amosa superioridade sobre o poder
relixioso.
Agora o mundo esta invadido de imaxes, de deseño, de fotos compartidas, e esquecemos que trala faciana
dunha foto hai unha persoa coa súa vida. Agora cada arquivo que compartimos, que publicamos é
publicidade de servidores, de software, do negocio da realidade virtual. A propaganda sempre soubo
utilizar a tecnoloxía existente en cada época para diferenciarse. A utilización do software libre, as licenzas
libres… son indicativos, mais é necesaria unha ética da que carece o consumo que non dúbida en arrasar
coa intimidade das persoas para aumentar ese consumo.
Diferenciémonos do consumo respectemos a intimidade e o anonimato. É ético publicar, ou simplemente
roubar, a imaxe dunha persoa, para calquera fin, sen o seu coñecemento ou autorización? Polo feito de
saír a rúa somos espectáculo público?
Sempre hai colectivos desfavorecidos e que pola súa condición están desprotexidos, mulleres e xénero,
inmigrantes, minorías étnicas… e crianzas. As persoas que loitamos pola xustiza e que desexamos un
mundo novo así o recoñecemos. A vulnerabilidade das crianzas obriga a protexelas non soamente da
difusión da súa imaxe ou da publicidade da súa vida. É necesario protexelas da inhibición do pracer de
descubrir por si mesmas. Acostumamos a dicirlle as crianzas o que esta ben ou mal, a ensinarlles como
deben facer tal cousa ou outra reproducindo e dogmatizando sobre a realidade. Non confiamos nelas e
tratámolas coma parvas.
Debemos subverter este absurdo. Confiar nelas, na súa inmensa capacidade de aprendizaxe, na
autorregulación das súas capacidades respectando os seus ritmos individuais de aprendizaxe, creando
espazos de non intervención adulta, atendendo as súas necesidades reais, adaptando eses espazos a esas
necesidades, facilitando as ferramentas para un pleno desenrolo individual e colectivo para a resoluciónpacífica dos conflitos sen a intervención adulta. Debemos meternos nos miolos que as crianzas xogan,
están a xogar sempre, que o xogo é o seu método de aprendizaxe e é moito máis eficaz que a lección, que
o xogo é unha necesidade humana da que nos despoxan a medida na que imos crecendo e de que o xogo
faise sempre na intimidade. Subverter a escola como método de adoutrinamento que rouba as crianzas a
súa lingua para impoñer eficazmente unha lingua estranxeira, que cualifica e xulga en base á adaptación a
doutrina, que uniformiza e diagnostica as súas propias eivas culpabilizando as crianzas, que non dúbida
en medicar con drogas legais á falla de interese ou calquera outra diversidade.
Pensamos que cando unha crianza goza, na medida do posible, desta protección pódeselle roubar unha
fermosa imaxe que posiblemente reflicta o pracer do xogo e do descubrimento íntimo. Podemos pensar en
colectivizar o roubo publicándoo na rede ou calquera outro sitio e así poñelo a disposición de quen queira
usalo cunha licenza libre, Debemos tamén pensar de que lado da loita situámonos cando o facemos.
Finalmente desexamos que este breve escrito interprétese como unha reflexión a compartir, non como
unha acusación, non é esa a nosa intención.

Escrito feito por un pai e unha nai despois de que a faciana
da súa filla fora posta nun cartaz de propaganda,
a súa vez descargada dunha foto feita por unha
xornalista dun medio de contrainformación.